Infantil

O meu gato é un poeta 

(Xerais, 2011) . 4ª Edición. De 8 anos en diante. Poesía infantil

Premio Fervenzas Literarias ao Mellor Libro Infantil 2011 



O meu gato é un poeta é un libro que pretende transmitir a poesía dun xeito lúdico, divertido e, sobre todo, accesible para os lectores e lectoras. Está ideado coma se fose un xogo ou un obradoiro. O meu gato é un poeta bota man da fusión de xéneros literarios a través da reflexión, da poesía visual, dos xogos de palabras, da interacción, dos caligramas, da narración, da música, das novas tecnoloxías para conseguir unha proposta poética fresca e divertida.O libro vai acompañado dun CD que enriquece o texto grazas á mestura de distintas artes e amplia ante os lectores a súa visión da poesía, permitíndolles abordar novas dimensións e agrandando a súa percepción sensorial. A música das seis cancións do CD é de Xurxo Souto.O meu gato é un poeta conta tamén con web propia www.gatopoeta.net. Nesta páxina o lector poderá atopar máis poemas, información sobre o libro e o disco, xogos, mp3 coa voz do autor recitando, cuestionarios con respostas   


Folerpas de Novoneyra 

Biografía e antoloxía 

(Xerais, 2010). De 11 anos en diante



Folerpas de Novoneyra é un libro que convida a achegarse á vida e á obra de Uxío Novoneyra, o poeta do Courel a quen homenaxea a sociedade galega nas Letras Galegas 2010. Coa naturalizade que caracteriza a escrita de Fran Alonso, estas páxinas seducen e constitúen unha porta para entar na poesía silenciosa e no universo biográfico de Novoneyra. A través de pequenas descubertas, de anécdotas simpáticas, dunha linguaxe asequible e dunha aproximación amigable aos seus poemas, visitamos a palabra e o tempo de Novoneyra, O Courel, a súa infancia, a Guerral Civil, a escritura d’ Os Eidos, os días de Brais Pinto en Madrid, o compromiso coa lingua, a súa amizade con María Mariño, o Novoneyra beat do 68, a caligrafía, os seus libros infantís, Compostela… Unha biografía e unha antoloxía de Uxío Novoneyra para lectores e lectoras de todas as idades.    


A araña e mais eu  

(Kalandraka, 2009) 2ª edición. Álbum ilustrado.


Premio Xosé Neira Vilas da Asociación Galega de Editores
Traducións: español, portugués, inglés, italiano e coreano

Álbum ilustrado con texto e fotografía que supón un achegamento visual e poético pola xeografía do corpo humano. Ollos de cereixa, pel de pexego, nariz de amorodo... Misteriosa viaxe para unha araña exploradora.   




A vida secreta de María Mariño  

(Xerais, 2007)


A través das entretidas páxinas deste libro, o escritor Fran Alonso vainos contando a vida e a obra de María Mariño coma se fose unha novela. Mesturando a realidade e a ficción, desvélanos a extraordinaria figura desta poeta desde o mesmo día en que naceu. De Noia ao Courel, pasando polas difíciles circunstancias da Guerra Civil, A vida secreta de María Mariño describe a personalidade dunha muller e dunha obra literaria de grande altura. O libro, que inclúe unha cronoloxía e unha antoloxía poética, é de lectura agradable, amena e desenfadada.  







A casa da duna  

(Xerais, 2002) Álbum ilustrado.

Distinción White Ravens da Internationale Jugend Bibliothek 2003  



A casa da duna é un libro que nace dunha intensa comuñón entre texto e fotografía ao longo dun proceso de elaboración en común entre o escritor Fran Alonso e o fotógrafo Manuel G. Vicente. A casa da duna, desde a forza da imaxe e desde a intensidade da palabra e da historia que se narra, pretende reforzar o álbum ilustrado nese papel de pequena obra de arte que lle é outorgado no ámbito cultural europeo. A casa da duna é tamén un texto fermoso, divertido, que se desenvolve á beira do mar e xoga cos elementos e as palabras relacionadas co mar, contándolles aos nenos, a través da palabra e da linguaxe fotográfica, unha historia apaixonante, misteriosa e engaiolante, dunha excelente calidade literaria. Practicamente por primeira vez e desde Galicia, A casa da duna renova e fai unha aposta pola fotografía como esencia do álbum ilustrado.A protagonista do álbum, Alba, vive na casa da duna co seu gato Bicos. Encántalle deitarse na area para ver as ondas do mar. Un día, enriba dunha onda, chega unha nena descoñecida, pequerrecha como unha boliña, que lle dá un estraño aviso. A casa da duna é, sobre todo, un álbum contemporáneo que emprega a linguaxe visual dos cativos e cativas aos que se dirixe. Un álbum que atrapa.    


O brillo dos elefantes 

(Xerais, 1999). 4ª Edición 

Finalista do Premio Raíña Lupa

Un neno centroamericano vive nunha aldea de Matagalpa, coa súa nai e a avoa Mirta, nun fermoso país de lagos e volcáns. Na aldea onde viven a penas teñen para comer e unha guerra non declarada ameaza os campesiños. Taquín, o mestre dunha escola á que non vai ninguén, fai que o neno acabe por perderlle o medo á noite e descubra o sentido da vida. 

   








Cidades 

(Xerais, 1996). De 10 anos en diante 

Premio Rañolas ao mellor Libro Infantil e Xuvenil do Ano

Accésit Premio Lazarillo


Recoñecido e unanimamente aplaudido, Cidades converteuse nestes anos nun referente da poesía infantil debido, segundo a crítica, á súa vocación de actualizar temas e formas. No libro, entrañable e intimista, a cidade convértese nun ser vivo, o asfalto adquire vida, e a soidade e a rutina énchense de cores, olores e sabores. A través dun alento poético fondo e sincero, descúbrenos a emoción que latexa nas rúas e deita unha ollada tenra e rebelde sobre a vida desde a óptica da infancia e adolescencia. Cidades é unha porta para que os máis novos entren na poesía.